Unha viaxe polo mellor do norte do continente americano
A VIAXE
Despois de varias viaxes por Europa en coche, e do interrail do ano anterior, decidimos desta vez cambiar de continente e facer a viaxe do verán polo continente americano, concretamente pola zona máis septentrional de Norteamérica. As razóns pola que escollimos este destino foron variadas, pero sobre todo foi a natureza salvaxe deses lugares o que máis peso tomou na decisión.
Se sodes seguidores deste blog, xa tedes unha idea da nosa forma de viaxar; no caso contrario, coméntovos algunhas das nosas premisas habituais para as viaxes:
- O único medio de transporte que levábamos pechado antes de empezar a viaxe foron os billetes de avión. Os demais medios de desprazamento (tren, ferris, coches de aluguer…) os fomos comprando sobre a marcha.
- Tendo en conta o anterior, podíamos cambiar de ruta en calquera momento, polo que non tiñamos ningún itinerario pechado.
- Para durmir, ou íamos sen reservar, ou reservábamos como moito con 1 ou 2 días de antelación. Esto nos permite máis libertade á hora de viaxar, xa que é máis doado cambiar de rumbo.
- Unha premisa importante para nós é relacionarse coa xente, xa sexan autóctonos ou outros viaxeiros, polo que tentaremos sempre de buscar aloxamentos que permitan esto, así como lugares bós para coversar como bares ou o transporte público.
- Non levamos de equipaxe máis que unha mochila cada un de apenas 20 litros. Na viaxe anterior aprendimos a viaxar só co necesario, e non cargar con peso inútil. Ademais, nen sequera é necesario facturar o avión.
Con isto, podemos decir que a viaxe foi practicamente improvisada sobre a marcha, e a podemos resumir no seguinte itinerario:
- De Compostela a Porto en tren, e de Porto á Ponta Delgada (Illa de San Miguel, Azores) en avión.
- Tres días na Illa de San Miguel e voo de Ponta Delgada á Toronto
- Cinco días en Toronto, incluíndo visita ás Cataratas do Niágara
- Tres días no Tren Transiberiano dende Toronto ate Jasper
- Unha semana nas Montañas Rochosas de Canadá
- De Jasper á Vancouver e 3 días en Vancouver
- Unha semana no estado de Washington, nos EEUU
- Seis días en Illa Vancouver, Canadá
- Outros 3 días en Vancouver
- Volta á casa: de Vancouver á Compostela vía Toronto e Ponta Delgada
PRIMEIRA PARADA: AZORES
Xa facía moito tempo que queríamos visitar as Illas Azores e a verdade é que nesta viaxe púxose todo ao noso favor para facer unha parada neste paraíso. A razón foi a nosa procura de voos baratos para cruzar o Atlántico. Despois de moito buscar, a forma máis económica era a través da compañía azoriana SATA, que ten voos diários entre Portugal, Toronto e Boston con escala no arquipélago dos Azores, a moi bo prezo.
Así que non o dubidamos máis e collimos un voo entre Porto e Toronto facendo unha parada de tres días na Illa de San Miguel, tempo que consideramos suficiente para coñecer un pouco esta illa. E así foi. Foron tres días inesquecíbles que se nos quedaron cortos neste paraíso no medio do Océano Atlántico. Neste enlace falo sobre os mellores lugares desta illa así como unha guía práctica para viaxar por ela.
CHEGADA Á TORONTO
Xa no continente americano, decidimos pasar un tempo nesta gran cidade canadiense para irnos adaptando á vida deste país. A verdade é que a cidade non ten moitas cousas que a fagan un destino turístico imprescindible, como conto neste artigo do meu blog, pero sí é un lugar agradable onde pasar polo menos un par de días, coa posibilidade de dedicar unha xornada máis para visitar as Cataratas do Niágara.
Nós estivemos ao final cinco días nesta cidade, xa que estivemos facendo tempo ate o día de partida do tren Transcanadiense, ao encontrar unha oferta só tres días antes de partir, ao pouco de chegar á Toronto.
CRUZANDO O PAÍS NO TREN TRANSCANADIENSE
Cruzar Canadá no Transcanadiense foi unha sorpresa para nós. Tendo en conta os seus prezos habituais, a nosa intención inicial era cruzar o país en bus, un medio de transporte moitísimo máis barato.
Pero grazas á oferta que encontramos apenas tres días antes pudemos gozar de viaxar neste mítico tren…e en primeira clase! Nesta entrada conto as nosas experiencias no tren, así como vídeos mostrando o interior das cabinas ou as vistas dende o vagón panorámico.
AS MONTAÑAS ROCHOSAS
Ainda que coa oferta do Transcanadiense podíamos facer a viaxe dende Toronto ate Vancouver en primeira clase a un prezo moi económico, decidimos sacar o billete só ate Jasper, para así ver as Montañas Rochosas canadienses. E así fixemos.
Paramos en Jasper e pasamos unha semana polas Rochosas descubrindo paisaxes salvaxes impresionantes, movéndonos en coche de aluguer. Nesta entrada podedes ver a ruta que fixemos por estas montañas, especialmente polos Parques Nacionais de Jasper e Banff, así como unha interesante guía práctica.
ENCONTRO CO OCÉANO PACÍFICO EN VANCOUVER
Despois de pasar unha semana nas Rochosas, collimos de novo o tren Transcanadiense (desta vez en clase económica) desde Jasper ate a cidade de Vancouver, xa á beira do Pacífico. Contando ó día de chegada, estivemos tres días nesta cidade (á que voltaríamos quince días despois), e podemos decir que foi un tempo ben aproveitado.
Vancouver é ben distinto á Toronto. O feito de estar en contacto co mar por un lado, e con unha enorme masa boscosa polo outro lado, fai de Vancouver unha cidade en contacto pleno co medio natural. De feito, mesmo podemos gozar do paseo por un bosque húmido do Pacífico no centro da urbe, no coñecido Stanley Park.
AS MARABILLAS NATURAIS DO ESTADO DE WASHINGTON
En Vancouver alugamos un coche para dirixirnos en dirección sur aos EEUU, para pasar unha semana polo Estado de Washington. Tras cruzar a fronteira, e despois do típico control de pasaportes, comezamos a nosa ruta por este país gozando das paisaxes costeiras ao norte de Seattle, parando a durmir na pequena e fermosa localidade de Coupeville.
Ao día seguinte collimos un ferri ate a Península de Olympic, onde pasaríamos un tempo no Parque Nacional de Olympic, un dos lugares naturais máis fermosos que vimos nunca, como conto neste post.
A nosa viaxe por EEUU a completamos cunha visita a outras marabillas naturais do Estado de Washington: O Monte Santa Helena e o Monte Rainier, sen dúbida lugares imprescindibles para os amantes da natureza.
ILLA VANCOUVER
Desde Port Angeles, nos EEUU, collimos un ferri para voltar á Canadá, entrando pola localidade de Victoria, na Illa Vancouver. Despois dunha paradiña nos arredores desta cidade, continuamos descubrindo esta illa polo centro e a costa oeste, deténdonos en lugares tan diferentes como Port Alberni, Tofino ou Courtenay, gozando da natureza próximas á estas poboacións.
Case unha semana foi tempo suficiente para estar nestes lugares e decidimos voltar á Vancouver para pasar os últimos días desta viaxe. Nesta entrada, falo do que vimos en Vancouver e a Illa Vancouver así como unha guía práctica para moverse por alí.
REMATANDO A VIAXE EN VANCOUVER
Con outro par de días máis en Vancouver dimos por rematada a nosa viaxe. Como aínda tiñamos o coche de aluguer ate unhas horas antes de subir ao avión aproveitamos para coñecer os lugares próximos a Vancouver que estaban difíciles de ver en transporte público.
Xa no avión, quedábanos moitas horas de viaxe de volta á casa, con escalas en Toronto e Ponta Delgada. En total, desde que saímos de Compostela ate a nosa chegada pasaron 40 días. Máis dun mes viaxando no que pusimos o pé por primeira vez nun novo continente e no que descubrimos unha natureza salvaxe e desbordante. Sen dúbida unha das mellores viaxes que fixemos.
Pois isto é todo! E xa sabedes que como é habitual neste blog, se tedes algunha dúbida, queredes deixar aquí algún consello máis, ou simplemente queredes comentar ou compartir unha experiencia vosa similar, non dubidedes en poñer un comentario.
Deja un comentario