Unha viaxe pola Illa Vancouver e a maior cidade da costa do Pacífico de Canadá
Continuando coa serie de entradas que estou a publicar sobre Canadá, chegamos ao punto de facer unha escala no extremo máis occidental deste país, xa aos pés do Océano Pacífico. Unha zona do planeta onde o urbano se rodea da natureza máis salvaxe, facendo desta parte do mundo un lugar único, onde a poucos pasos dos rañaceos dunha das cidades máis desenvolvidas do mundo podes pasear por bosques case virxes e mesmo ser atacado por osos ou pumas.
Nesta nova entrada, comparto con vós a miña viaxe pola cidade de Vancouver e pola Illa Vancouver, acompañados das miñas fotografías así como dunha boa serie de consellos e dados úteis para que poidades sacar o máximo partido a vosa viaxe.
A CIDADE DE VANCOUVER
Como moitas cidades de Norteamérica, podemos describir a Vancouver como unha cidade moderna, con poucos anos de historia, cun centro urbano financiero cheo de rañaceos de onde saen multitudes de rúas que se espallan polo resto da metrópole en forma de cuadrícula. Mais aparte desto, Vancouver ten caracteristicas que fan dela unha cidade única, un lugar onde é posible pasar varios días vendo cousas pouco usuais; de feito, en que sitio podemos pasear en plena natureza dentro dunha metrópole? Ou onde podemos ver amerizar hidroavións no mesmo porto da cidade, xunto a enormes transatlánticos?
Unha vez que o viaxeiro chega a Vancouver o primeiro que fará é dirixirse ao centro da cidade. Neste caso, o centro é onde se concentra o maior número de impersoais rañaceos e, como en moitas cidades de Norteamérica, unha torre que fai tamén de miradoiro que parece de risa comparada coa CN Tower de Toronto.
No mesmo núcleo da cidade tamén temos o barrio máis antigo da cidade, Gastown, con edificios do século XIX e un reloxio de vapor onde cada hora decenas de turistas o rodean para velo soar. A un paso tamén está o barrio chinés, Chinatown, facendo deste un dos maiores asentamentos de comunidade chinesa de América.
Pero algo especial temos xa no mesmo centro de Vancouver: o seu porto. Os transatlánticos que fan carísimos cruceiros a Alaska saen desde o mesmo centro da cidade. Ademáis, xunto ao seu porto, saen tamén deceas de avionetas cada hora con dirección a lugares onde a comunicación por estrada ou non é posible ou é complicada, xa que a non moita distancia da cidade, temos enormes masas boscosas case inaccesibles, poboacións costeiras sen acceso terrestre e multitude de illas.
Se continuamos a pasear polo seu porto en dirección ao norte, chegamos a outro dos sitios que fan a cidade excepcional: O Stanley Park. Un fermoso bosque húmido do Pacífico que podemos definir como un parque natural dentro dunha cidade. Numerosas rutas se poden facer polo seu interior ou pola costa, andando ou alugando unha bicicleta.
Xa nos arredores da cidade, podemos visitar o turístico Ponte de Capilano (entrada e aparcamento carísimos), subir ao Grouse Mountain (teleférico tamén moi caro) ou facer unhas rutas de sendeirismo polo Lighthouse Park.
Se hai tempo e ganas de sair un pouco máis lonxe da cidade, temos a opción de ir ate a localidade de Whistler, situada a pouco máis de 100km. É unha excursión típica que fan moitos turistas que visitan Vancouver e que recomendo máis que polo destino en sí, polas paisaxes nas que discurre a estrada 99 ate alí.
Outras opcións que fan moitos dos visitantes que chegan ate Vancouver e queren continuar gozando da natureza do entorno, é desprazarse ate Illa Vancouver ou ate as Montañas Rochosas ( neste enlace podedes ver a miña viaxe e guía práctica das Montañas Rochosas).
A ILLA VANCOUVER
Xa que estamos en Vancouver, é recomendable coller un ferri ate Illa Vancouver para coñecer, sobre todo, a natureza desta marabilla do Pacífico. Non é unha illa pequena, xa que ten 460 km de longo por 80 de ancho, pero ten zonas naturais moi ben conservadas e accesibles que fan que pague a pena a súa visita.
Moita xente comeza a visita na localidade de Victoria, que é a capital e a maior poboación da illa. Foi o noso caso, xa que chegamos no ferri procedente da Península de Olympic, nos EEUU. Despois o máis común é continuar pola estrada 1 cara o norte, aínda que antes recomendo facer unha excursión de ida e volta pola estrada 14 que vai a Port Renfrew, xa que pasa por unhas fermosas paisaxes da costa.
Logo recomendo seguir pola estrada 1 e 19 en dirección a Nanaimo, facer unha paradiña na localidade de Chemainus, para despois desviarnos pola 4 ate a cidade de Port Alberni, un bo lugar nas beiras dunha especie de fiordo do Océano Pacífico, onde podemos parar polo menos un par de días para facer excursións pola zona, xa que está bastante céntrico, dispón de bos servizos e aloxamentos moi ben de prezo.
Unha des mellores excursións que podemos facer desde Port Alberni é ate as localidades costeiras de Ucluelet e Tofino, xa que se encontran dentro da fermosa Reserva Natural costeira de Pacific Rim.
Outros lugares que podemos visitar máis preto de Port Alberni son o Stamp River Provincial Park (onde nós tivemos a sorte de ver, grabar e fotografiar un oso negro), o entorno ao Cameron Lake ou os impresionantes petroglifos do Sproat Lake.
De novo no lado leste da illa, e co obxectivo de coñecer agora as zonas con máis altitude, recomendo subir ao Mount Washington, situado nunha estación de ski preto da localidade de Courtenay. Dende o alto do monte (ao que podemos subir nas telesillas da estación de ski) hai unha panorámica excelente dos altos da illa así coma de toda a costa leste e os montes próximos a Vancouver. Ademáis, preto de aquí hai varias rutas de sendeirismo, entre a que destaca a que vai ao Lago Helen Mackenzie.
Se dispoñemos de máis tempo, outra opción é continuar ate Port Hardy, no extremo norte da illa, cousa que xa non fixemos por falta de tempo, ao ser a distancia ate aló considerable. Nós optamos por volver ao «continente» desta vez collendo a ferri en Nanaimo, finalizando o noso tour pola illa no parque Pipers Lagoon desta localidade.
GUÍA PRÁCTICA DE VANCOUVER E ILLA VANCOUVER
Para que vos sirva de axuda á hora de planificar a vosa visita, aquí vos deixo algunhas recomendacións, consellos e prezos da viaxe por esta rexión de Canadá.
Como chegar
A mellor forma de chegar a Vancouver seguramente non é a máis práctica, pero dende logo si a máis mítica: a bordo do tren Transcanadiense (nesta entrada conto a nosa viaxe neste mítico tren).
Ainda así, o medio de transporte máis lóxico é o avión se utilizamos a cabeza e non o corazón, que é ademáis o máis utilizado polos turistas por ser máis rápido e polo xeral máis económico. Non hai voos directos á Península Ibérica, pero sí moitísimas opcións con escala. Nós utilizamos para o retorno á compañía Westjet ate Toronto e desde alí a Porto coa SATA, e a verdade é que nos saíu bastante económico.
Onde durmir
· En Vancouver Alice’s Guest Bed and Breakfast: 106 $ (75€ aprox) noite en habitación doble con baño e almorzo. Sen dúbida algunha un lugar excepcional cuns anfitrións (Alice e Frank) do mellor que existe. Almorzos tan completos que fan que non volvas ter fame ate a cea. É bastante barato, tendo en conta os altos prezos do aloxamento en Vancouver.
· En Victoria Cycle Inn Bed and Breakfast: 105 $ (75€ aprox) noite en habitación doble con baño compartido e almorzo. Situada nos arredores da cidade xunto a un fermoso lago, onde podemos ate usar unha barquiña. Algo caro.
· En Port Alberni Sequoia House Bed and Breakfast: 95$ (67€ aprox) noite en habitación doble con baño compartido e almorzo. Sen dúbida un bo lugar onde pasar uns dias en Port Alberni. Ron e John son xeniais e os almorzos boísimos.
· En Courtenay Salsbury House Bed and Breakfast: 100$ (68€ aprox) noite en habitación doble con baño e almorzo. Lugar moi recomendable para coñecer a zona leste e o Monte Washington. Moi bo almorzo.
· En Courtenay Lake Trail Guesthouse: 65$ (46€ aprox) noite en habitación doble con baño compartido e cociña común. Un bo lugar para quedarnos se queremos aforrar uns dólares.
· En Nanaimo Bluebird Motel: 80$ (56€ aprox) noite en habitación doble con baño. Típico motel norteamericano.
Onde comer e beber
· En Vancouver hai moitísimos sitios onde escoller. Un dos nosos favoritos era o Inn Cogneato Bistro, un restaurante italiano onde comer ben por pouco máis de 25$ dúas persoas en certos días con desconto
· En Victoria, perto do aloxamento que recomendei, o Glen Lake Inn é un bo lugar para comer e beber cervexas por menos de 40$ dúas persoas. Dúas pintas de cervexas custan 13$
· En Port Alberni recomendo sen dúbida o restaurante chino Golden Dragon, onde poden comer estilo buffet dúas persoas por menos de 30$. Xusto en frente, hai un pub coa pinta de cervexa a 4.5$
· En Courtenay varias persoas recomendáronnos o Restautant Atlas, e a verdade é que nos gustou moito. Cómese ben, ainda que é difícil de baixar os 50$ dúas persoas.
Como desplazarse
En Vancouver, o mellor é utilizar o bus (entre 3 e 4$ segundo zona) e o skybus (4$ en hora punta, 2.75$ no resto) que é unha especie de metro sobre o aire.
Para moverse por Illa Vancouver o mellor é alugar un coche, xa que dá máis liberdade e o combustible é bastante barato. Nós o coche o alugamos en Vancouver, xa que con él tamén fomos aos EEUU. O prezo por semana en temporada alta saínos a 650$ (450€ aprox) na empresa Budget, ainda que se pode encontrar máis barato reservando con antelación ou noutras compañías de menos prestixio.
Para ir ate a Illa Vancouver é necesario coller un ferri. Nós entramos por Victoria desde EEUU (79.5$, uns 56€, dúas persoas e coche) e saímos por Nanaimo a Vancouver (106$, uns 75€, dúas persoas e coche).
Pois isto é todo! E xa sabedes que como é habitual neste blog, se tedes algunha dúbida, queredes deixar aquí algún consello máis, ou simplemente queredes comentar ou compartir unha experiencia vosa similar, non dubidedes en poñer un comentario.
Deja un comentario