Feeds:
Entradas
Comentarios

Archive for 19 de enero de 2015

15 consellos para viaxar por Canadá e o Estado de Washington dos EEUU

Paisaxe a través da Estrada dos Glaciares

Paisaxe a través da Estrada dos Glaciares nas Rochosas Canadienses

Ainda que xa teño escrito neste blog varias entradas sobre a miña viaxe de 40 días por Canadá e o Estado de Washington, decidín que podería ser interesante para futuros viaxeiros publicar unha guía práctica sobre diversos aspectos importantes para moverse por eses lugares e sacarlle o máximo partido a viaxe. Espero, polo tanto, que estos 15 consellos que comparto con vos, vos sexan de gran axuda.

La Push

La Push, Parque Nacional de Olympic, EEUU

1: COMO IR

Como levábamos un presuposto bastante axustado, encontrar voos baratos para cruzar o Atlántico non foi para nós unha tarefa nada fácil. Despois de moito buscar en internet, a mellor oferta que vimos foi voando coa SATA, que é unha compañía aérea azoriana, que une as Illas Azores con Portugal e con EEUU e Canadá. É polo tanto, unha forma moi económica de voar ate o continente americano, facendo sempre escala na Illa de San Miguel dos Azores.

Voando sobre as Azores

Voando sobre as Azores

A nós os voos de ida e volta dende Oporto a Toronto (sempre vía Azores, onde na viaxe de ida aproveitamos para parar 3 días), máis volta de Vancouver a Toronto (na compañía Westjet, operada a través da SATA), saíunos un total de 1050,3€ persoa. Foi a opción que escollimos por ser a máis económica que encontramos. Ademáis, tiña a vantaxe para nós que ao vivir en Compostela, sair desde Oporto quédanos bastante preto da casa. Outra opción que vimos non moito máis cara, saíndo de Madrid, era voando coa compañía canadiense Airtransat.

Dundas Square

Dundas Square, Toronto

2: DOCUMENTACIÓN

Para entrar en Canadá, se tes nacionalidade do estado español e da maioría dos países da UE, non fai falla máis documentación que o pasaporte. Aínda así, na fronteira hai que presentar un formulario que xa te dan para cubrir no avión, e onde tes que cubrir algúns datos persoais e sobre a túa visita ao país. Ademáis, no noso caso, a policía da fronteira fixonos unha serie de preguntas persoais como a razón da visita ao país, o tempo de estancia, en que traballábamos ou se tíñamos xa pagado o billete do avión de volta da viaxe.

Ferri Port Angeles Victoria

Ferri Port Angeles Victoria

No caso dos EEUU, para os de nacionalidade española e maioría da UE, ademáis do pasaporte electrónico en vigor, hai que ter o ESTA, que é un impreso que se cubre por internet, onde hai que contestar unha serie de preguntas e pagar un imposto de 10.63€ persoa. Non é necesario entregalo na fronteira, porque xa lles queda a eles gardado na súa base de datos. Ademáis, é bastante común que fagan algunhas preguntas sobre a estancia no país e, no noso caso, mesmo nos tomaron as pegadas dactilares e do iris dos ollos.

Cataratas do Niágara

Cataratas do Niágara

3: QUE VER

Canadá e o Estado de Washington destacan, sobre todo, polos seus recursos naturais e paisaxísticos. Lugares como as Montañas Rochosas, as Cataratas do Niágara ou os parques nacionais do Pacífico como Olympic ou Mount Rainier son auténticas xoias da natureza. Tamén é interesante ver algunha cidade, ainda que a falta de historia de moita de elas, con «casco antigo» de como moito do século XIX fai que todas as grandes urbes sexan moi parecidas e modernas, polo que personalmente con visitar unha ou dúas penso que é suficiente.

Locomotora do Tren Transcanadiense

Locomotora do Tren Transcanadiense

4: COMO DESPLAZARSE

Cando planeamos a nosa viaxe por estes países tíñamos pensado utilizar o máximo posible o transporte público nos nosos desprazamentos. Unha vez no destino, vimos que exceptuando nas cidades e nas longas distancias, a rede de transporte público era bastante deficiente, polo que non nos quedou máis remedio que alugar un coche para desplazarnos polas Montañas Rochosas (534,96 CAD unha semana) e outro para o Estado de Washington e Illa Vancouver (1380.31 CAD dúas semanas). Os prezos son parecidos aos de Europa, e seguramente se poden encontrar máis baratos se reservamos con antelación ou buscamos compañías de menos prestixio.

En coche pola Estrada dos Glaciares

En coche pola Estrada dos Glaciares, Canadá

Para as largas distancias, especialmente en Canadá, que é un país moi grande e sen moita poboación, o medio máis económico e rápido é o avión. Se preferimos viaxar por terra, son bastante baratos os buses de longa distancia, da empresa Greyhound, ainda que tendo en conta a cantidade de horas dalgúns traxectos pode resultar lentísimo.

O Transcanadiense

O Transcanadiense

Tamén podedes moveros en tren, que pode ser moi recomendable para visitar as cidades do surleste de Canadá. Se non tedes problemas de diñeiro ou se tedes a sorte de encontrar unha boa oferta (como foi o noso caso) podedes cruzar o país no Tren Transcanadiense, sen dúbida unha experiencia única que conto nesta entrada.

No vagón panorámico

No vagón panorámico do Transcanadiense

Para moverse polas cidades non soe haber problema, xa que contan cunha boa rede de buses e nalgúns casos metro ou similares. En moitos deles, é necesario pagar co importe exacto.

Lago Nakoda

Lago Nakoda

5: ONDE DURMIR

No tema de durmir a cousa dependerá sobre todo do presuposto. O máis económico é sen dúbida o cámping, ainda que viaxando de mochileiros é bastante defícil ao ir cargando con tenda e outros útiles de acampada. Outra opción económica son os albergues (aquí coñecidos coma hostels), que dispoñen de habitacións compartidas e cociña, e que nós utilizamos nalgunha ocasión, aínda que para meu gusto soen ser ruidosos e hai que ter coidado cos roubos.

Caravana de aluguer preto de Forks

Caravana de aluguer preto de Forks, EEUU

Unha opción non moi cara e cómoda é durmir en casas particulares (bed and breakfast). En Canadá hai moitos e algúns soen ter prezos moi bos (sobre 60-70€), ademáis é unha boa forma de aloxarse e coñecer xente. Dun precio similar son os moteis, abundantes sobre todo nas estradas e aos arredores das poboacións, ainda que teñen o problema de ser bastante impersoais. Por último, podemos encontrar hoteis de moitos clases e prezos, ainda que polo xeral soen ser máis caros que todas as opcións anteriores.

Motel nos EEUU

Motel nos EEUU

En certos lugares moi turísticos e en tempada alta, é recomendable reservar para evitar sorpresas. Nos tivemos algún problema para encontrar aloxamento no Parque Nacional de Banff nas Rochosas Canadienses, onde acabamos durmindo nun hotel alonxado e algo caro, e unha noite no Parque Nacional de Olympic nos EEUU, onde non nos quedou máis remedio que durmir no coche.

Hamburguesas

Hamburguesas

6: A COMIDA

Estes países non teñen moita fama pola calidade da súa comida….e penso que é certo. Aquí cómese moita comida rápida, tipo hamburguesas, pizzas, hotdog.., e nas dietas escasea bastante a froita, legumes e peixe. Para fuxir un pouco destes hábitos alimenticios, é recomendable buscar aloxamentos con cociña ou buscar restaurantes de estranxeiros como chinos, tailandeses ou italianos.

Hamburguesería en Forks

Hamburguesería en Forks

7: A BEBIDA

Aparte de refrescos, nestes lugares tamén se consume bastante alcol. E sen dúbida a reina das bebidas alcólicas é a cervexa. Nos bares soen tomarse en pintas, e no caso de Canadá a un prezo moi alto (unha media de 7$ a pinta, unos 5€). Nos EEUU son máis baratas (incluso a unos 2€ pinta), e sempre te piden o carnet de identidade para comprobar que es maior de 21 anos, aínda que estés preto da idade de xubilación.

Vehículo quitaneves

Vehículo quitaneves

8: O TEMPO

Falarei só do tempo no verán, que é cando nós visitamos estes países. Ademáis, de todos é coñecido que os invernos en Canadá son moi pero que moi fríos. No verán non pasamos apenas frío, a excepción dun par de días nas Montañas Rochosas. No interior do país, no verán mesmo fai bastante calor, e na costa do Pacífico tamén poden vir días calurosos, ainda que neste último caso o clima é moito máis húmido.

Monte Rainier

Monte Rainier, EEUU

9: TELEFONÍA

Nós levábamos un móbil cada un (un de contrato e outro de tarxeta prepago) da mesma compañía española e nunca tivemos problemas para utilizar o teléfono para chamadas internas e ao estranxeiro. Eso si, hai que estar sempre cos datos desconectados e só usar internet con wifi, que son moi boas e abundantes. Nós non o fixemos, pero en estancias moi longas pode ser unha boa idea comprar unha tarxeta prepago dese país.

Vancouver dende o Stanley Park

Vancouver dende o Stanley Park

10: PREZOS

Na maior parte dos casos, todo en Canadá é máis caro que aquí, especialmente se queremos comer ben e beber alcol. Estados Unidos en xeral pareceume máis barato. A único que si foi realmente máis económico en ambos países foi o combustible, sempre por debaixo do euro por litro. Unha cousa que afecta moito no presuposto da viaxe é o valor do euro respecto ao dólar canadiense e estadounidense, no noso caso a 1.459CAD e 1.337USD por cada euro respectivamente.

Toronto

Toronto

11: SEGURIDADE

Ambos son países moi seguros, onde chama a atención como é bastante habitual ver casas e coches abertos. Só hai que ter un pouco de coidado nalgúns barrios das cidades, mais que por risco de atracos pola cantidade de xente tola e extraña. Hai que ter en conta que nestes países, especialmente nos EEUU, a seguridade social é moi deficiente comparada coa de moitos países europeos, e xente enferma, sen recursos ou con problemas mentais graves andan pola rúa sen apenas asistencia.

Sendeirismo ate o Lago Helen Mackenzie, Illa Vancouver

Sendeirismo ate o Lago Helen Mackenzie, Illa Vancouver

12: SENDEIRISMO

Se te gusta contemplar a natureza e pasear por ela verás que este é un aunténtico paraíso. Natureza salvaxe, nalgúns lugares case virxe, e rutas moi ben sinalizadas fan que este sexa un destino idílico.

Ruta sinalizada preto de Vancouver

Ruta sinalizada preto de Vancouver

Obxetos perdidos e avisos nunha ruta de sendeirismo

Obxetos perdidos e avisos nunha ruta de sendeirismo

Eso si, penso que é moi recomendable facerse previamente un bo seguro de viaxe, fágase sendeirismo ou non, xa que por poñer un exemplo a rotura dunha perna, pode levar consigo o desembolso de varios miles de euros.

Aviso de osos en Canadá

Aviso de osos en Canadá

13: OS OSOS

O único perigo á hora de camiñar fora das cidades é a presenza de osos, bastante habituais nestes lugares. De feito, na nosa viaxe vimos un total de 4 osos negros e un grizzly, tres deles cruzáronsenos na estrada no coche e un vímolo nunha ruta de sendeirismo.

Oso en Port Alberni. No vídeo de abaixo vese á distancia real

Oso en Port Alberni, Illa Vancouver

É habitual que mesmo se aproximen ás poboacións para buscar comida na basura, ainda que cada vez o teñen máis difícil pola presenza de papeleiras anti-osos.

Papeleira anti-osos

Papeleira anti-osos

En moitas rutas, se o risco de encontrarnos con osos é elevado, chegan a prohibir o acceso ou a restrinxilo só a grupos, especialmente se se trata de osos grizzly.

Aviso de osos na ruta

Aviso de osos na ruta

Pegada de oso nunha árbore

Pegada de oso nunha árbore

E que facer para evitar encontrarse cun oso? Aconsellan facer ruido. Se mentres paseamos polo monte imos falando en alto ou cantando, o animal polo xeral xa fai por escapar. Se vemos un, o mellor é escapar pero sen correr. E se temos a desgracia de que nos ataque, sempre queda a opción do spray anti-osos que aconsellamos levar sempre a man.

Spray anti-osos

Spray anti-osos

14: O IDIOMA

En Canadá hai dous idiomas oficiais. Na parte leste, que inclúe o Quebec, fálase o francés, e no centro e oeste o inglés. O inglés é como o dos EEUU, que é un pouco máis difícil de entender para os europeos, que estudamos polo xeral o inglés do Reino Unido, pero que é máis fácil para os hispanofalantes do continente americano ou quen esté habituado ás películas estadounidenses en versión orixinal. De todos os xeitos, é bastante probable encontrar en toda a viaxe alguén que fale castelán, tendo en conta a cantidade emigrantes nestes países, especialmente nos EEUU.

As Praias do Pacífico

As praias do Pacífico

15: A XENTE

Como recomendo facer en todas as viaxes, é imprescindible relacionarse coa xente. Os mellores sitios son os aloxamentos e os bares, pero calquera opción é boa para elo. Polo xeral é xente moi amable, e disposta a conversar e a axudar. Moitos foron os casos en que estivemos perdidos e nos axudaron o que fixo falta. Soen ser tamén bastante xenerosos, xa que nos teñen convidado a algunha cervexa ou mesmo regalado cousas, como o spray anti-osos.

Bosque templado na Selva de Hoh

Bosque templado na Selva de Hoh, Parque Nacional de Olympic

Sen dúbida, Canadá e o Estado de Washington son moi coñecidos pola súa beleza natural, pero como en todos os lados, os países os fan as persoas, e prácticamente todas as persoas que coñecimos nesta viaxe fai que a natureza non sexa o único que coñecer nestes países.

Lago Moraine

Lago Moraine, Canadá

Pois isto é todo! Se queredes máis información e fotos sobre a miña viaxe de 40 días por Canadá e Estado de Washington non tedes máis que picar neste enlace.  E xa sabedes que como é habitual neste blog, se tedes algunha dúbida, queredes deixar aquí algún consello máis, ou simplemente queredes comentar ou compartir unha experiencia vosa similar, non dubidedes en poñer un comentario.

Read Full Post »